jueves, 8 de mayo de 2014

                     
                                                                 O MONTE É VIDA

O mércores 25 de abril, 48 alumnos/as de quinto curso de educación primaria do CEIP Plurilingüe Pintor Laxeiro gozaron dunha magnífica charla educativa “O monte é vida”, impartida por Luis Enrique Martín Uriarte, axente medioambiental do Distrito XVIII de O Porriño e que está a desenvolver a Consellería de Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia, a través do seu programa de divulgación medioambiental “O monte vivo”, en colaboración coa Consellería de Cultura, Educación e O. U.

Durante hora e media explicou aos nenos/as os excepcionais valores medioambientais do monte, os seus usos no pasado, o seu grande valor social e económico, as principais ameazas aos que está sometido e os medios que podemos empregar para conservar e mellorar un medio tan valioso.

Comezou pola orixe da vida: auga, terra, calor...e explicounos o ciclo da auga, a evolución do home e incidindo no concepto de biodiversidade. Todo isto para enlazar co tema da charla: “O monte é vida”. Para referendalo fixo unha retrospectiva da vida dos nosos antepasados, das pegadas que nos deixaron e que vemos reflectidas en calzadas romanas, en corredoiras...Ademais explicounos como nas últimas décadas producíronse cambios sociais e económicos que afectaron ao monte e aos espazos agrarios.

O monte supuxo unha fonte de recursos fundamentais para a vida: aproveitamento de leñas, pastos, recollida de froitos silvestres, caza e pesca, produción de abono orgánico...Mais a sociedade rural mudou e os usos cambiaron. Contounos como na actualidade o aspecto produtivo e económico do monte supón un sustento esencial para o desenvolvemento da nosa sociedade e expuxo as bases para fornecer o desenvolvemento deste valor.


Falou tamén do uso social e recreativo do monte, de como harmonizar os distintos usos e aproveitamentos para que toda a sociedade teña unha boa relación co seu contorno. É dicir, compatibilizar as diversas actividades deportivas, culturais, sociais cun uso respectuoso co medio. De como hai xente que non respecta a natureza: incendios (problemática case que crónica e o perigo no uso do lume), vertidos, , vandalismo,  deportes agresivos, especies invasoras....

Incidiu nun tema moi importante que os nenos/as descoñecían: o monte ten dono. Explicou as diferenzas entre os montes particulares, os montes veciñais e os montes públicos. Tamén das sancións para todos aqueles que as incumpren, tema que provocou interesantes preguntas dos nenos/as ao final da charla.


No remate da mesma, o alumnado preguntou as dúbidas que tiñan e, dunha forma moi didáctica, o axente medioambiental Luis E. Martín Uriarte resolveunas nun clima moi lúdico e cunha grande participación.

As profesoras titoras consideran que a experiencia foi moi positiva porque os contidos e a forma de transmitilos adaptáronse perfectamente ás competencias e aos obxectivos da área de coñecemento do medio, ademais de clarificadora e formadora. Foi unha charla moi vivida por todos/as e esperamos que teña a súa continuidade o próximo curso escolar.

Todo o que se faga para sensibilizar, formar e educar ós nenos/as no coñecemento do medio no que viven será a mellor aposta para o futuro.

O MONTE É VIDA. NON DEBEMOS ESQUECELO
SEREMOS GARDIÁNS DO MONTE

Autora:Mª Dolores Crespo Couselo