jueves, 30 de abril de 2015

MANUEL RIVAS
NO COLEXIO
Sopa de libros. Edicións Xerais



O raposo Pindo é un raposo solitario, que sabe as falas de todos os animais e as persoas; segundo se di é fillo do lobo Petiso e a raposa Meiga. Pindo ten un poder: é quen de hipnotizar a calquera cos seus ollos de lanterna. Ese poder conseguiuno, vendo como o Sol pousaba a súa luz, ao afundirse no mar, despedindo o día.





Chegou o gran momento. Levabamos días e días  esperando  e  preparando a súa chegada e por fin,  puidemos gozar da presenza dun autor da talla de MANUEL RIVAS. Todo isto grazas á xentileza de Anaya, editora do seu libro “O raposo  e a mestra”,  elixido como itinerario lector en lingua galega para  Terceiro e Cuarto curso de Ed. Primaria.



Cando chegou ao colexio, pasaban quince minutos do mediodía. Como o público era moi numeroso, case cen nenos e nenas, en vez de representar a animación lectora na Biblioteca como é habitual, acondicionamos o comedor como salón de actos.
Antes de comezar a actuación os alumnos e alumnas quixeron recibilo cunha poesía titulada “A Manolo Rivas”, escrita por eles e recitada por Alba Burón, alumna de 4ºA.



                                     


Comezou así:

              “Manolo Rivas, gústanos que escribas,
               Como narrador, es un gran escritor,
               como autor un gran soñador”.
              
               Manolo Rivas, gústanos a imaxe
               dos teus personaxes.
               En cada un deles,
               fas unha homenaxe.

               Que agradable sorpresa,
               resultou ler o “O raposo e a mestra”.
                ...............

Alba continuou recitando coa súa doce voz de nena. Fíxoo tan ben que cando rematou, Manuel Rivas, agradeceullo cunha  reverencia.
Entón comezou a actuación. Acompañado de César, un músico moi especial, repuntou dramatizando a historia do raposo e da mestra. Ataviouse cun fular a modo de rabo, unha gorra como se fora un casco, e unha lanterna na fronte; igualiño, igualiño que Pindo, o raposo. Cantou as cantigas que aparecen no relato e en todos os idiomas!!: en galego, francés, inglés, italiano e ata en alemán. Bailou, e animou a todos e a todas coas súas verbas sacadas do relato: chascarrandainas, choino,  toporroutou, prolipropileno…Se queredes saber o significado destas palabras, deberiades ler o libro Paga a pena!.

Nestas imaxes, se intúe a súa  paixón pola  literatura. Por certo, canta moi ben e como actor é fantástico.





Rematou explicando que para  escribir o conto, se inspirou nun raposo que veu pasar por diante del...Co difícil que é mirar un raposo, que sorte! Tamén explicou que o chamou Pindo polo monte Pindo, aquel que se mira na Costa da Morte.
Autor, músico e público asistente acabamos cantando e batendo palmas.




Para despedilo, outro agasallo: uns versos de Rosalía cantados pola alumna de 6º B, Ana Garrandés, que coa súa fermosísima voz fixo que Manuel Rivas quedara sorprendido e impresionado.



Acto seguido,  trasladámonos á Biblioteca para que asinara os exemplares de todos os alumnos/as. Algúns profes aproveitaron a ocasión para traer da casa un libro del para que lles quedase unha lembranza deste intenso e marabilloso día.




No libro de autores da nosa biblioteca, “Astros da Literatura”, debuxou unha espiral e no medio, nós, o Colexio Pintor Laxeiro, e ao redor:as cereixas, a luz da néboa, as Cíes do ceo, o camiño dos vagalumes, os paxaros invisíbeis, o país dos parachuvas surrealistas, a liña que une o visíbel e o invisíbel, mil anos do noso pobo, a liña do inaccesíbel, a terra que se esconde, a esperanza á procura de esperanza e, por último, a súa sinatura.
Deixounos un mapa conceptual de sensacións que nos envolve!!



Foi para nós unha honra gozar da túa presenza, da túa xenerosidade en non escatimar o tempo, de facernos pasar unhas horas extraordinarias, pero sobre todo grazas polo goce que experimentamos coa lectura dos teus libros, SEMPRE. 



video

Como “A gratitude é a memoria do corazón” (Lao Tse), con este vídeo - montaxe realizado por Eugenia Álvarez (Coordinadora da Biblioteca), o Equipo de Biblioteca quere agradecer  o traballo realizado por Esther Fernández (coordinadora do Equipo de Actividades Extraescolares e Complementarias) por empregar o seu tempo, entre outras cousas, no acondicioamento do espazo xunto cos seus alumnos de 6º B de primaria. Do mesmo xeito,  tamén agradecer a Montse Coello (Coordinadora do Equipo das Tics) pola labor realizada de gravación de todo o acontecemento deste día tan especial.

Grazas polo voso apoio!
E grazas a todos/as que contribúen no día a día a que a nosa tarefa sexa máis livián!. 



lunes, 27 de abril de 2015

O RAP DA BIBLIOTECA




O equipo de biblioteca elaborou este simpático anuncio para animar aos usuarios/as. Aproveitamos esta ocasión para presentalo ao concurso de curtametraxes organizado polo equipo de dinamización lingüística do centro









domingo, 26 de abril de 2015

UN DÍA DESPOIS DO DÍA DO LIBRO: 
ESPERADA VISITA DE LEDICIA COSTAS.

                                     

As titoras de sexto curso de Primaria elixiron este curso o libro “Escarlatina, a cociñeira defunta”, de Ledicia Costas,  como itinerario lector  en lingua galega. A elección  resultou moi acertada, tendo en conta que a devandita obra foi galardoada en varias ocasións:   premio Merlín de Literatura infantil en 2014, premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de Literatura Infantil de 2014 e o premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil. Figura tamén como finalista dos premios concedidos pola  AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) á mellor obra publicada no 2014 de literatura infanto-xuvenil. O sábado  día 9 de maio, no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, darase a coñecer a obra ganadora. Queremos desexarlle dende aquí moita sorte.



Os alumnos e alumnas prepararon con moita ilusión a visita: para recibir a Ledicia Costas, disfrazáronse de personaxes do inframundo. Estaban impresionantes! Tanto foi así que a propia Ledicia non puido conter as gargalladas ao mirar para aquel público que máis ben parecía saído do video "Thriller" de Michael Jackson.






Non foi a única sorpresa que lle deron a esta escritora tan nova, senón que tamén trouxeron un montón de lambetadas elaboradas na casa por eles e elas coas receitas de cociña que aparecen no libro. Houbo moita variedade de doces de chocolate: piruletas , caracois, magdalenas, biscoitos, flan, e ata unha empanada de mexillóns, receita incluída na obra porque lle gusta moito a Ledicia,







A charla resultou moi amena. Contou que aínda que exercía de avogada ata hai pouco,  decidiu aparcar a súa profesión para meterse de cheo na literatura. Como todos os escritores e escritoras, destacou o seu gusto pola lectura desde ben nena.

Pronto se centrou no argumento da novela. A sitúa no inframundo porque, segundo ela, non existe moita literatura xuvenil sobre isto e esta temática, en clave de humor, atraíalle dende ben nena. O personaxe do avó é piloto de carreiras porque a ela lle gustan moito os coches. Para darlle carácter ao personaxe inspirouse na peculiar figura do seu avó,  xa falecido, Fixo as delicias de todos e todas recordando anécdotas vividas por ela.





Invitou aos nenos e nenas a participar do tema avós e saíron historias realmente divertidas. Falou de animais; a pesar de que a  mascota do  protagonista é un gato, a ela particularmente,  non lle gustan nada, arrepíanlle. Tamén das súas preferencias polos programas de televisión sobre  cociña. E das mulleres, de como a pesar de que o sexo masculino se leva a mellor parte en canto a estrelas Michelín hai mulleres que saben moito, moito de cociña e para mostra, as avoas.  Por todo isto e porque foi o seu desexo,  a protagonista, experta en menús,  é unha nena….





Unha vez rematada a charla asinou todos e cada un dos exemplares. Os nenos e nenas agasallárona cunha bandexa de doces. A biblioteca converteuse nun improvisado festín. 



As receitas de Ledicia fixeron as delicias de nenos/as e maiores; as profes tamén gozamos “de lo lindo”.


Grazas Ledicia e grazas ás mamás e papás que con tanto mimo colaboraron nesta xornada inesquecíble.















sábado, 25 de abril de 2015

"ÁS VECES O DESTINO ESTÁ NO LIBRO QUE TES AO LADO. 
SÓ TES QUE ABRILO E GOZAR"

REFLEXIÓN LITERARIA DE MARÍA SOLAR


O 23 de abril, coma todos os anos, celebramos o Día Mundial do Libro. É unha data na que as Bibliotecas Escolares de Galicia celebran dun xeito moi especial e que xa forma parte da tradición: a edición dun marcapáxinas en forma de díptico cunha reflexión literaria. Este ano correu a cargo da  escritora, xornalista e presentadora da Televisións de Galicia e da Radio Galega, María Solar. Un marcapáxinas que nos anima a ler e que xoga con personaxes dos libros clásicos. O texto podedes lelo neste enlace.

No noso colexio, e tamén coma todos os anos, celebramos esta data con actividades diversas. Comezamos sempre recordando a orixe desta data e a trascendencia que ten a nivel mundial e os actos e conmemoracións que se realizan. 





“DOCES LITERARIOS”


A LECTURA É UN OBSEQUIO PARA OS SENTIDOS




Como cada ano no colexio, organizamos actividades para conmemorar esta data. Dende a Biblioteca propuxemos que o alumnado elaborase a súa propia recomendación lectora. Nesta líña  confeccionaron  uns  “Doces literarios” que  intercambiaron entre si. 

Trátase de que todos os nenos e nenas  escriban nunha cuartilla de cores, o título e autor dun libro que lles gustara moito; posteriormente terán que introducila  nun tubo de cartón,  envolvelo   con papel celofán  a modo de larpeirada, e   etiquetar   o envoltorio coa devandita frase “Doces Literarios”. 

Puxéronos  en  caixas decoradas  ou cestas,  e intercambiaronos  coas  compañeiras e compañeiros do outro grupo. Resultou unha actividade  entretida e vistosa e, o que é mellor, cada un/unha deles levaron para a casa un doce agasallo,  xa que a lectura  resulta un obsequio para os sentidos.





                                                      "DOCES XIGANTES!"





Como podedes ver en educación infantil realizaron un 
Doce xigantesto!!! 

                                 




“OS PAREADOS ANIMADOS”



O alumnado de 1º A de educación primaria confeccionaron pareados no que o fío condutor foron os animais.

UN VIDEO DESTE FERMOSO DÍA. 
ALUMNADO DE 2º A E B DE ED. PRIMARIA


video

“COMPARTIMOS LECTURAS”

O alumnado de 4º curso de primaria trouxeron da súa casa o seu libro favorito para intercambiar durante quince días.






TEATRO POESÍA E ROSALÍA PARA ESTE GRAN DÍA

UN HAPPENING LITERARIO

Que mellor día para realizar unha nova experiencia: un grupo de alumnos/as de 6º curso realizaron una actividade practicamente improvisada mesturando  poesía e teatro. Uns días antes escolleron textos poéticos para utilizalos a modo de xogo co fin de representalos.

Os textos escollidos foron “Caperucita roja y el lobo”, do libro de Roald Dahl  “Cuentos en verso para niños perversos”;  “Cómo se dibuja a un niño” de Gloria Fuertes e poemas de Rosalía de Castro. Todo enmarcado nun xogo teatral no que o fío condutor era a poesía e sobre todo,  como se pode facer poesía: escribindo rimas, debuxándoa ou cantando.

Durante toda a mañá foron mostrando esta actividade por todo o centro sen que o alumando soubera que ía ver.

UNHA EXPERIENCIA FANTÁSTICA!