domingo, 26 de abril de 2015

UN DÍA DESPOIS DO DÍA DO LIBRO: 
ESPERADA VISITA DE LEDICIA COSTAS.

                                     

As titoras de sexto curso de Primaria elixiron este curso o libro “Escarlatina, a cociñeira defunta”, de Ledicia Costas,  como itinerario lector  en lingua galega. A elección  resultou moi acertada, tendo en conta que a devandita obra foi galardoada en varias ocasións:   premio Merlín de Literatura infantil en 2014, premio Fervenzas Literarias ao mellor libro de Literatura Infantil de 2014 e o premio Xosé Neira Vilas da Asociación Galega de Editores ao mellor libro de literatura infantil e xuvenil. Figura tamén como finalista dos premios concedidos pola  AELG (Asociación de Escritores en Lingua Galega) á mellor obra publicada no 2014 de literatura infanto-xuvenil. O sábado  día 9 de maio, no Círculo de las Artes do Concello de Lugo, darase a coñecer a obra ganadora. Queremos desexarlle dende aquí moita sorte.



Os alumnos e alumnas prepararon con moita ilusión a visita: para recibir a Ledicia Costas, disfrazáronse de personaxes do inframundo. Estaban impresionantes! Tanto foi así que a propia Ledicia non puido conter as gargalladas ao mirar para aquel público que máis ben parecía saído do video "Thriller" de Michael Jackson.






Non foi a única sorpresa que lle deron a esta escritora tan nova, senón que tamén trouxeron un montón de lambetadas elaboradas na casa por eles e elas coas receitas de cociña que aparecen no libro. Houbo moita variedade de doces de chocolate: piruletas , caracois, magdalenas, biscoitos, flan, e ata unha empanada de mexillóns, receita incluída na obra porque lle gusta moito a Ledicia,







A charla resultou moi amena. Contou que aínda que exercía de avogada ata hai pouco,  decidiu aparcar a súa profesión para meterse de cheo na literatura. Como todos os escritores e escritoras, destacou o seu gusto pola lectura desde ben nena.

Pronto se centrou no argumento da novela. A sitúa no inframundo porque, segundo ela, non existe moita literatura xuvenil sobre isto e esta temática, en clave de humor, atraíalle dende ben nena. O personaxe do avó é piloto de carreiras porque a ela lle gustan moito os coches. Para darlle carácter ao personaxe inspirouse na peculiar figura do seu avó,  xa falecido, Fixo as delicias de todos e todas recordando anécdotas vividas por ela.





Invitou aos nenos e nenas a participar do tema avós e saíron historias realmente divertidas. Falou de animais; a pesar de que a  mascota do  protagonista é un gato, a ela particularmente,  non lle gustan nada, arrepíanlle. Tamén das súas preferencias polos programas de televisión sobre  cociña. E das mulleres, de como a pesar de que o sexo masculino se leva a mellor parte en canto a estrelas Michelín hai mulleres que saben moito, moito de cociña e para mostra, as avoas.  Por todo isto e porque foi o seu desexo,  a protagonista, experta en menús,  é unha nena….





Unha vez rematada a charla asinou todos e cada un dos exemplares. Os nenos e nenas agasallárona cunha bandexa de doces. A biblioteca converteuse nun improvisado festín. 



As receitas de Ledicia fixeron as delicias de nenos/as e maiores; as profes tamén gozamos “de lo lindo”.


Grazas Ledicia e grazas ás mamás e papás que con tanto mimo colaboraron nesta xornada inesquecíble.















No hay comentarios:

Publicar un comentario